Protocolo de Correos fronte ao COVID-19

As medidas de seguridade tomadas en Correos deseñáronse dende unha perspectiva 360º, con recomendacións que inclúen todo o complexo sistema operativo da empresa e protexen a nosa ampla gama de clientes.

Ademais de protexer os nosos traballadores durante a súa xornada laboral en Correos, quixemos ir un paso máis alá e estender as recomendacións ao desprazamento dos nosos empregados dende casa ao traballo. 

Recomendouse seguir as indicacións sanitarias e preventivas en todo momento, é dicir, manter a máxima distancia interpersoal posible, así como a hixiene frecuente de mans e o uso recomendable da máscara naqueles casos nos que non se poida manter a distancia de seguridade ou que a normativa o esixa.

Durante a xornada laboral segue sendo recomendable o uso da máscara, quedando circunscrito este uso, tanto en exteriores como en interiores, aos lugares e situacións que dispoñen as autoridades sanitarias.

A continuación, presentámosche as medidas específicas que nos levaron a contar coa certificación de Bureau Veritas na que se recoñece a Correos como Espazo Seguro.

MEDIDAS ACTUAIS DE CORREOS PARA A PREVENCIÓN DA INCIDENCIA DE COVID-19

Seguridade xeral nas instalacións de Correos

Somos conscientes de que unha gran parte do traballo dos nosos empregados debe ser presencial obrigatoriamente. Por iso, a prevención nos nosos edificios foi primordial. 

Comezando pola regulación na entrada e saída de edificios, establecemos medidas que impiden a concentración de traballadores/as. Dependendo da tipoloxía de cada centro de traballo, implantamos medidas de entrada e saída gradual, ou lapsos de tempo entre a fin dunha quenda e o inicio da seguinte, etc. Ademais, indicamos evitar o acceso aos centros de traballo de persoal alleo a estes, e no caso de ser necesario, realizaranse mantendo a distancia interpersoal e polo tempo mínimo imprescindible.

Por outro lado, o control da capacidade dos nosos espazos e zonas comúns é outra das nosas máximas prioridades. Para salvagardar a seguridade, deseñáronse áreas con ocupación máxima e quendas graduais de descansos. Do mesmo xeito, regulouse o uso dos aseos e vestiarios. Aconséllase o seu uso de forma unipersoal e son sometidos a un protocolo estrito de limpeza periódica.

 

Modificación da limpeza e hixiene das unidades

Correos optimizou a limpeza e hixiene das súas instalacións dende o inicio da pandemia. Deseñamos un plan de limpeza específico para as nosas unidades, no que se inclúe un rexistro das actividades realizadas, así como o aumento da frecuencia e a intensidade da limpeza. 

Os centros de traballo son obxecto de limpeza diaria, prestando especial atención ás seguintes superficies: manubrios, pomos e tiradores de portas e ventás; interruptores; botóns de ascensores; varandas de escaleiras; superficies das mesas de traballo e zonas comúns de uso público. 

Dotamos todas as unidades de desinfectantes autorizados polo Ministerio de Sanidade, para que os traballadores desinfecten os seus vehículos e equipos de traballo de forma diaria.

Ventilación continua 

A ventilación e climatización son unha medida primordial nos nosos centros de traballo. Todas as nosas unidades recibiron instrucións para realizar tarefas de ventilación diaria adecuadas ás características de cada espazo. 

Ademais, o mantemento preventivo que se efectúa aos equipos de climatización inclúe a limpeza, mantemento e substitución de filtros de aire periodicamente. 

 

Traballadores Especialmente Sensibles

Os nosos empregados son a nosa prioridade absoluta! Por iso, creamos un conxunto de procedementos únicos para os nosos traballadores especialmente sensibles fronte ao COVID-19. Nestes procedementos considéranse medidas excepcionais para traballadores con especial vulnerabilidade fronte ao coronavirus SARS-CoV-2.

Repartición

A distancia de seguridade interpersoal e o uso recomendado da máscara son as dúas máximas establecidas na Rede de Distribución dos envíos. 

Os nosos empregados non deben manter en ningún momento contacto directo co destinatario do envío. No momento da entrega, unha vez que o carteiro recolla a información do receptor, deixará o envío ao seu alcance e permanecerá afastado.

No caso das notificacións administrativas, burofax, telegramas e envíos con importes asociados, entregaranse baixo sinatura, cumprindo un estrito protocolo de seguridade tanto para o carteiro coma para o cliente destinatario do envío.

Finalmente, no que compete á Rede loxística, realizamos limpezas diarias facilitando a desinfección dos equipos de traballo e elementos loxísticos existentes nos centros. Ademais, establecemos medidas para evitar aglomeracións nas entradas e saídas, garantindo que todas as operacións se realicen respectando a distancia mínima de seguridade.

Oficinas

Unha das medidas máis importantes adoptadas na nosa Rede de oficinas é o control de capacidade para evitar aglomeracións, así como a distancia de seguridade interpersoal. Como logramos conseguilo?

Indicamos en todas as nosas oficinas a capacidade máxima e implantamos medidas preventivas e de control baseadas na restrición de capacidades segundo as normativas autonómicas vixentes.

Ademais de sinalizar o fluxo de movemento dentro de todas as sucursais, instaláronse en todas as oficinas dispensadores de xel hidroalcohólico na entrada, ou o máis preto posible ao xestor de quendas, para que cada cliente hixieniza as súas mans antes de entrar.

Nos espazos de maior influencia, un/unha empregado/a das oficinas toma o rol de embaixador e dinamiza o movemento dos clientes para garantir as medidas de capacidade previamente mencionadas. 

Unha vez nos portelos, débese evitar o contacto entre empregados/as e usuarios polo que procedemos á instalación de anteparos de separación nos postos de atención ao cliente. Todo o intercambio realízase deixando documentos, cartas, paquetes, tíckets, diñeiro, etc., no mostrador. Nunca se establece contacto físico directo entre empregado/a e cliente.

Como acceden os clientes á sinatura electrónica para a admisión e recepción de envíos?

Algúns dos nosos procesos de entrega e recepción de envíos demandan a sinatura obrigatoria dos nosos clientes nas tablets electrónicas distribuídas nas nosas oficinas.  Esta sinatura realízase garantindo a hixiene previa de mans do cliente mediante xel hidroalcohólico do que se dispón tamén nun lugar próximo á tablet de sinatura. O cliente non asinará ata non proceder a esta hixiene de mans.