Este servizo funciona grazas aos códigos OB, que permiten identificar de xeito único nos sistemas de Correos cada un dos rexistros que conteñen o enderezo dos destinatarios dos envíos.
O noso Sistema de Xestión Integral de Envíos (SXIE) xera un ficheiro de datos con toda a información que os carteiros incorporan manualmente nos envíos devoltos e enviámoscha por correo electrónico, FTP ou a través dunha web de intercambio de ficheiros, segundo a periodicidade que contratases e detallando o motivo da devolución se así o desexas.
Para poder xerar este ficheiro é necesario que os teus envíos conteñan estes elementos:
Cuadrícula con causas de devolucións: situada no anverso do envío, para que o carteiro poida indicar ao momento o motivo da devolución:
- Descoñecido: o destinatario do envío non é coñecido polo carteiro e ademais non figura nas caixas de correo. Cando o campo do destinatario está composto polo nome dunha empresa e dun contacto, considerarase descoñecido se non se coñece ningún dos dous.
- Ausentouse: o destinatario (empresa ou particular) xa non reside nese enderezo.
- Enderezo Insuficiente: o envío non pode entregarse por falta de información ou por haber algún erro nos datos do enderezo.
- Enderezo Incorrecto: cando o enderezo completo ou algún dos seus datos non son correctos e non é posible determinar onde realizar a entrega do envío.
- Rexeitado: envío rexeitado expresamente polo destinatario.
- Falecido: cando o destinatario faleceu, sempre que se dispoña desta información.
- Non retirado: o destinatario non pasou a recoller o seu envío na oficina de Correos que figuraba no Aviso de Chegada que o carteiro deixou na súa caixa de correo.
Código OB: para identificar o rexistro de enderezo do envío, cumprindo cos estándares de seguridade establecidos pola Lei de protección de datos. Este código ten formato Code 128 e está composto de 23 díxitos:
- Código de Produto: é sempre OB.
- Etiquetador: é o “Cliente Detallable”.
- Campaña: son dous díxitos ou letras para identificar a que campaña corresponde a devolución. Estes díxitos permitirían diferenciar dúas campañas que fosen lanzadas con pouco espazo temporal entre elas.
- Número de envío: identificador de cada rexistro do ficheiro orixinal.
- Código Postal: de destino de cada rexistro.
- Díxito de Control: é unha letra de control que se obtén cunha fórmula na que interveñen os primeiros 22 caracteres do devandito código.
Caixa de control de campañas: para identificar as campañas cuxas posibles devolucións deban gravarse e enviarse ao cliente baixo o proceso establecido.