A Unión Europea elimina a franquía de envíos de baixo valor e introduce unha medida transitoria consistente na esixencia dun arancel fixo entre o 1 de xullo de 2026 e o 1 de xullo de 2028 (Regulamento da Unión Europea 2026/382 de 11 de febreiro de 2026) por cada tipo de produto incluído no envío. Esta medida aplicarase aos envíos cun valor intrínseco inferior ou igual a 150 euros, que fosen obxecto dunha venda a distancia.
Enténdese por venda a distancia, unha venda B2C de mercadoría que se envía desde fóra do Territorio Aduaneiro da Unión (TAU) (isto é, terceiros países (*), Ceuta e Melilla) polo vendedor ou pola súa conta, con destino a un particular situado no territorio dun Estado membro que forme parte da Unión.
Por tanto, a Unión Europea aplicará unha taxa aduaneira fixa de 3 euros, en concepto de arancel, desde o 1 de xullo aos paquetes procedentes de fóra da UE cun valor inferior ou igual a 150 euros. Este recargo non se cobra por paquete, senón por cada tipo de produto distinto que conteña o envío. Isto é, a mercadoría que comparta clasificación arancelaria, descrición e orixe, poderase agrupar nun mesmo tipo de produto.
En España, esta nova taxa afectará a todos os envíos dirixidos a consumidores da Península, Baleares e Canarias, que ata agora estaban exentas. Non se aplica ás importacións a Ceuta ou Melilla. Non obstante, si afecta ás súas exportacións. Ceuta e Melilla non pertencen ao TAU e, por ese motivo, os envíos que teñan como orixe calquera das dúas cidades consideraranse como envíos procedentes de fóra da Unión Europea con destino á Unión, e veranse afectados pola nova taxa, que deberá ser pagada polos destinatarios.
A medida afecta exclusivamente a envíos que conteñan mercadorías.
As institucións comunitarias sinalaron que o obxectivo desta medida é mellorar a aplicación da normativa vixente e reforzar os controis sobre os envíos directos ao consumidor dentro do comercio electrónico internacional, especialmente os procedentes de Asia, un fluxo que creceu nos últimos anos e que concentra unha parte relevante das importacións de baixo valor.
A medida aplicarase de forma temporal ata 2028, cando está prevista a implantación na Unión Europea dun novo sistema baseado nun centro de datos común para o control das importacións. Ademais, suporá a eliminación progresiva da exención aduaneira que permitía a entrada deste tipo de envíos sen aranceis.
(*) Os países TAU son aqueles que conforman o Territorio Aduaneiro da Unión. Esta zona xeográfica comparte normas aduaneiras comúns, o que permite a libre circulación de mercadorías sen aranceis internos. No comercio internacional, un terceiro país é calquera Estado ou territorio que non forma parte do Territorio Aduaneiro da Unión (TAU) como, por exemplo, Ceuta e Melilla.
Desde o día 1 de xullo de 2026, e de acordo co Regulamento 2026/382 de 11 de febreiro de 2026, suprímese “a franquía de dereitos de importación respecto das mercadorías enviadas directamente dun terceiro país a un destinatario da Unión en envíos cuxo valor intrínseco total non sexa superior a 150 euros”.
Eliminada a franquía, aplicarase un dereito de alfándega de 3,00 euros por cada tipo de produto declarado nun envío cuxo valor intrínseco non supere un total de 150 euros, para envíos procedentes de fóra da UE, con destino península, Baleares e Canarias
Toda declaración de importación que realice Correos desde as 00:00 horas do día 1 de xullo de 2026, tributará o importe do arancel que lle corresponda.
Esta norma europea afecta a Península, Baleares e Canarias.
Ceuta e Melilla non están incluídas ao non pertencer ao TAU (Territorio Aduaneiro da Unión).
Só poderemos estender unha factura de Correos polo importe da xestión que realiza Correos destes envíos.
Segundo as Tarifas en vigor “Xestión da importación de envíos de escaso valor segundo o valor da mercadoría ata 150 €” son os conceptos sobre os que se realizará factura.
Sobre o abonado como IVE (se non está pagado en orixe por IOSS) ou como Arancel non se realiza factura, senón xustificante por suplido, ou anticipo que fai Correos por conta e cargo do importador, neste caso ante a AEAE/UE.